Sobre REGEIFAR

A ‘Rede Galega de Estudantes e Persoal Investigador Predoutoral de Farmacia’ (REGEIFAR) defínese, segundo o seus estatutos, como unha asociación sen ánimo de lucro encargada da promoción da formación continua para o estudantado galego de Farmacia en temas do ámbito sanitario, da realización de actividades formativas a nivel nacional e internacional, en colaboración con outras asociacións, delegacións e federacións e da difusión da profesión farmacéutica nas súas distintas vertentes laborais e do seu papel central no Sistema Público de Saúde.

Tamén nos encargamos de defender os intereses e dereitos do estudantado de Farmacia de Galicia en todos aqueles foros onde sexa preciso e posible, así como de defender os intereses e dereitos do persoal investigador predoutoral galego no ámbito das Ciencias Farmacéuticas.

A idea da asociación nace dos representantes de estudantes na Xunta de Facultade de Farmacia, existindo como precedentes outras asociacións que hai algúns anos desenvolvían actividades no seo da facultade. O fin último é ser unha ferramenta útil para o estudantado do centro, dinamizando actividades que poidan servir como complemento á formación do Grao.

Como consecuencia da carencia dunha facultade en condicións que poida servir de nexo para o estudantado e persoal investigador predoutoral, a asociación pretende afianzar o sentimento de pertenza ao centro ante unha realidade caracterizada por unha docencia atomizada en distintas facultades.

Participamos na Federación Española de Estudantes de Farmacia

REGEIFAR é membro da Federación Española de Estudantes de Farmacia (FEEF). A FEEF é a máxima entidade de representación sectorial dos estudantes de farmacia do Estado, encargándose de representar o estudantado perante diferentes organismos nacionais e internacionais de importancia no mundo da farmacia profesional. Tamén ten convenios con empresas e entidades destinados a proporcionar un complemento á formación do estudantado de farmacia. A FEEF está integrada por preto de 20.000 estudantes de 14 das universidades públicas e privadas onde se imparte o grao en España e mantén relacións co Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de España, outras organizacións estudantís no marco do Foro Intersectorial de Representantes de Estudantes así como diferentes departamentos do Ministerio de Sanidade, Servizos e Igualdade.

Algunhas das actividades que fai a FEEF son:

  • Realizar, potenciar e recoñecer actividades e iniciativas culturais e profesionais enfocadas a complementar e mellorar o ensino, ofrecendo un marco para o estudantado para desenvolver as súas habilidades e capacidades.
  • Favorecer a transmisión de coñecemento científico e profesional entre o estudantado, proxectando socialmente a Farmacia a través da participación dos membros en eventos da profesión e cooperando nun plano cultural con outras asociacións nacionais e internacionais.
  • Recollida de opinións e información sobre materias relacionadas coa profesión, coñecer o presente do estudantado e suxerir melloras e perspectivas de futuro.
  • Potenciar a continuidade dos estudos farmacéuticos xunto ás entidades competentes. Isto na práctica tradúcese en congresos, palestras, xornadas de formación, campañas de saúde, programas de mobilidade… 

Grazas a esta colaboración, o estudantado de farmacia da Universidade de Santiago de Compostela pode participar nas actividades formativas da Federación de maneira gratuíta ou a un prezo reducido.

Máis información sobre a FEEF: 

Participacipamos en asociacións internacionais

Grazas a que a Federación Española de Estudantes de Farmacia é membro das asociacións de estudantes de farmacia europea (EPSA) e internacional (IPSF), os membros de REGEIFAR poden participar nas súas actividades: conferencias, cursos, programas de mobilidade, congresos internacionais.

EPSA

Un dos principais ámbitos de actuación da EPSA é a saúde pública, e as súas actuacións enfócanse en previr e crear conciencia sobre doenzas moi estendidas e temas de atención médica mediante a educación, o empoderamento e a promoción da saúde en todos os niveis posibles. Os farmacéuticos, como profesionais sanitarios chave na interacción cos pacientes e situados no corazón da comunidade, adoitan ser o primeiro punto de contacto para as persoas que buscan consellos xerais de saúde. Os farmacéuticos xogan un papel fundamental á hora de asesorar a poboación sobre a importancia dos temas de saúde e ofrecer recomendacións sanitarias adecuadas.

Outro importante campo de actividade da EPSA son as ‘soft skills’, calidades relacionadas coa escoita activa, o traballo en equipo, a creatividade, a resiliencia ou a capacidade de aprendizaxe, entre outras; capacidades importantes para desempeñar os traballos tanto do presente como do futuro.

Máis información sobre EPSA:

IPSF

As iniciativas da IPSF céntranse nas áreas de saúde pública, educación farmacéutica e desenvolvemento profesional. Estas iniciativas inclúen múltiples campañas de saúde pública, investigacións sobre temas relacionados coa educación farmacéutica e o desenvolvemento da forza laboral, o programa de mobilidade NEP, a organización de eventos internacionais e rexionais e a publicación dos boletíns de IPSF sobre educación farmacéutica e intercambio de estudantes, entre outras responsabilidades.
 

Máis información sobre IPSF: