Actividades

Calendario público de REGEIFAR

Encontro Estatal de Representantes de Estudantes de Farmacia e XLV Asemblea Xeral da FEEF

Fai máis de 10 anos que a cidade de Santiago de Compostela non acolle ningún evento que acolla a estudantes de farmacia de todo o Estado, sendo o último no ano 2011. O III Encontro Nacional de Estudantes de Farmacia (Interfarma 2011), acollera no seu momento estudantes de farmacia de todas as partes de España, e fora organizado pola que foi a Asociación de Estudantes de Farmacia da USC (AEFUSC), actualmente extinta.

O evento que plantexamos, organizado pola asociación REGEIFAR, que toma o relevo das dúas antigas asociacións de estudantes que participaron activamente na Federación Española de Estudantes de Farmacia (AEFUSC e AsAlFUSC), pretende servir como punto de encontro para representantes e estudantes de farmacia de todo o Estado, agrupando unha serie de talleres formativos por parte de empresas do sector e unha serie de mesas de debate cuxo obxectivo sería servir de foro para que estudantes de farmacia expresen as súas pretensións e poidan canalizalas a través da Federación, como órgano que aglutina a representación estudantil de farmacia a nivel nacional.

E a maiores do que decidimos chamar Encontro Estatal de Representantes de Estudantes de Farmacia, tamén acolleremos a XLV Asemblea Xeral da Federación Española de Estudantes de Farmacia.

Encontro Galego de Mocidade Investigadora en Ciencias Farmacéuticas

No seo da Comisión de Normalización Lingüística e Difusión Cultural da nosa Facultade organízase cada ano o Encontro Galego de Mocidade Investigadora en Ciencias Farmacéuticas, nos que membros da asociación participan activamente na súa organización e difusión.

Esta iniciativa, que celebrará este ano a súa cuarta edición, busca ser un punto de encontro para a mocidade investigadora da Facultade de Farmacia e un foro para difundir e pór en común a súa investigación, así como para incentivar a colaboración entre grupos e o uso do galego na Facultade. As comunicacións son realizadas e presentadas en lingua galega, e editadas como libro.

Representación estudantil

A práctica totalidade dos membros da asociación son membros da Xunta de Facultade de Farmacia. Así mesmo, tamén temos presencia no Consello do Estudantado, no Claustro e no Consello de Goberno.

Programas de mobilidade

SEP

REGEIFAR actualmente participa no programa de mobilidade SEP. O SEP ou ‘Student Exchange Programme’ organízao a IPSF (International Pharmaceutical Students’ Federation) e é un dos seus proxectos principais. Nel participan institucións de 88 países e permite o estudantado realizar prácticas en período estival (principalmente) en diferentes áreas de farmacia: farmacia comunitaria, laboratorios de investigación en universidades, industria… Estas prácticas son non remuneradas e terían unha duración mínima de 40 horas, podendo abranguer desde 2 semanas ata 3 meses.

Trátase dun convenio bilateral onde, por cada 2 estudantes que a asociación reciba, poderá mandar 3 estudantes. A asociación AsAlFUSC, que ata hai uns anos estaba activa no seo da Facultade de Farmacia, xa formou parte de este programa, cun convenio que estivo vixente entre 2014 e 2019.

Máis información sobre este programa na web de IPSF:

NEP

O NEP é un programa de mobilidade nacional organizado pola FEEF cun funcionamento moi semellante ao SEP da IPSF, onde estudantes de Farmacia poden realizar prácticas en laboratorios de investigación de distintas facultades de Farmacia repartidas por todo o territorio do Estado ou en farmacia comunitaria. As prácticas terían lugar nos meses de verán.

Máis información sobre este programa de mobilidade no perfil de Instagram oficial do programa: